A mobilidade en Pontevedra
É o fundamento da mobilidade urbana: canto menos contamine, canto menos espazo ocupe, canto máis variedade e diversidade vital permita, mellor. Por iso todo o sistema de traslados da cidade basease no principio de que as persoas son o máis importante, base de toda sustentabilidade.
Un modelo que naceu en Pontevedra hai 23 anos e que sigue perfeccionándose e avanzando cada día.
Itinerarios peonís, amplos espazos para camiñar, rúas e prazas de convivencia nas que camiñar é o prioritario… son as características deste modelo que facilita o movemento peonil por enriba de outros modos de desprazamento.
Se vives aquí, mellor a pé. Se ves de fóra, aparca e camiña… son as ideas forza que moven un sistema que demostra eficaz, san e agradable.
Unha das iconas do modelo peonil. Un mapa que mide tempos e distancias camiñando entre algúns puntos da cidade, coa fisonomía dun mapa de metro.
Aínda que naceu como unha simple campaña de publicidade para desdramatizar o feito de camiñar, o seu éxito desbordou os límites da cidade e hoxe centos de municipios teñen o seu propio Metrominuto, feito á imaxe do noso e é tomado como exemplo en numerosos organismos, como reflicte esta publicación ministerial:
https://esmovilidad.mitma.es/noticias/metrominuto-impulso-de-la-movilidad-pie
O espazo público da cidade é prácticamente accesible na súa totalidade, se ben algúns espazos privados aínda presentan algunhas limitacións, que se van corrixindo co paso do tempo.
Ramplas, pasos de peóns á altura das beirarrúas, plataformas únicas e outros moitos recursos conforman un ecosistema viario que durante as últimas décadas foi prioritario para que as persoas con máis dificultades de mobilidade puidesen acadar a máxima autonomía.
Unha accesibilidade universal pensada para persoas usuarias de cadeiras de rodas, para persoas maiores e para a infancia, os grupos humanos que máis apoio precisan para desenvolver unha vida o máis agradable posible.
Pontevedra é unha cidade sobre todo peonil, aínda que se permite o tránsito de vehículos por case todas as rúas pero con condicións horarias e en función de se son necesarios ou non.
Case non hai carrís bici, pois a bicicleta é un vehículo máis e ten dereito a circular pola calzada con total respecto doutros medios como os coches ou motos.
A circulación en bicicleta está permitida en toda a cidade, sen máis restricións que as recollidas na normativa municipal, que poden resumirse así:
- Está prohibido circular polas beirarrúas alí onde existen
- Nas rúas de convivencia con plataforma única (as que adoitan denominarse peonís) poden circular as bicis, pero con absoluto respecto ao tráfico peonil, adaptando a súa velocidade ao paso das persoas e sen increpalas ou chamar a súa atención baixo ningún concepto. Téñase en conta que boa parte das rúas desta cidade son de convivencia, sen presenza constante de coches.
- As rúas da cidade están adaptadas para a circulación de bicicletas, pois o tráfico a motor está acougado e a velocidade máxima efectiva en todas as rúas é de 30 km/h. Hai numerosos pasos peonís elevados, que permiten que os vehículos non adopten velocidades impropias do ámbito urbano.
- Nas calzadas compartidas con automóbiles non se permite a circulación de bicis en dirección contraria
- Nas calzadas, as bicis non han de circular polas marxes: deben ocupar o centro da vía; os coches han de adaptarse á súa velocidade
- Recoméndase a quen utiliza a bici unha actitude positiva, amable e harmónica co resto das persoas usuarias das vías, sexan condutores ou persoas que camiñan. Cada persoa, use o medio que use, ten dereito ao espazo público.
Os automóbiles privados poden utilizarse en prácticamente toda a cidade, se ben con condicións. Sempre que son realmente necesarios para realizar algún servizo, como levar unha persoa con dificultades de mobilidade, entregar un bulto que non pode trasladarse a pe ou outros servizos importantes para as persoas. Tamén se pode acceder a todas as garaxes en calquera momento e sen restricción algunha.
Recoméndase, sempre que sexa posible, utilizar o mínimo o coche. Camiñar é importante para o medio urbano, pero tamén para a saúde das persoas.
As dimensións da cidade non esixen unha importante rede de transporte público interno. As poucas liñas que existen son perimetrais e comarcais.
As duas principais estacións da cidade, a de ferrocarril e a de autobuses, están no mesmo lugar, e dispoñen de servizos de taxis e alugueiro de vehículos.
Existe un magnífico servizo de ferrocarril con eixo litoral de Galicia (A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo) e conexións co resto das redes.
Recoméndase, ao chegar á cidade, camiñar ata o punto de destino, xa que as distancias non son moi relevantes.
Os aeroportos principais son Vigo (20 min), Santiago (45 min), A Coruña (90 min) e o portugués de Porto (100 min).
- Fesvial de seguridade viaria. Madrid 2010
- Nacional da Cultura Galega sobre promoción e coidado do patrimonio histórico. Santiago 2008
- Cermi sobre accesibilidade. Premio dos representantes españois das persoas con discapacidade. Madrid 2007
- Seguridade Viaria. Premio da Dirección Xeral de Tráfico do Goberno de España. Córdoba, 2011
- Intermodes. Premio á intermodalidade con base peonil. Bruxelas 2013
- ONU-Hábitat. Ao modelo urbano máis sostible a nivel mundial. Nairobi-Dubai 2014
- Center for Active Design ao deseño urbano máis sustentable e promotor da mobilidade activa. New York 2015
- Cidades que Camiñan. Premio ao modelo urbano peonil. Torres Vedras (Portugal) 2016
- Mobilidade Intelixente. Hong-Kong 2015, Shenzhen 2016
- Seguridade Vial Urbana da Comisión Europea. Bruxelas 2020