Logo Oficial Pontevedra WTCF NEG

WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Captura de pantalla 2023 08 20 a las 9.38.15

A hostelaría envía datos actualizados ao Mundial

Unha información que estará dispoñible para todas as persoas que acudan á cita deportiva

Os negocios de hostelaría poden mandar os datos necesarios para formar parte dunha plataforma creada no web 2023.pontevedra.gal co fin de configurar unha base de datos a disposición dos visitantes que chegarán a Pontevedra durante a competición.

A concelleira de Deportes e Promoción Económica, Anabel Gulías, compareceu en rolda de prensa para anunciar a creación dunha área específica no sitio web co fin de promocionar e visibilizar á hostalería local durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. 

Concello e responsables das empresas de hostalaría coincidiron ao longo das últimas reunións mantidas entre ambas as dúas partes na necesidade de crear unha plataforma que puidese visibilizar as propostas gastronómicas da Boa Vila durante os días que dure a competición. 

«Poñemos en marcha un formulario de inscrición para que todos os establecementos que estean interesados poidan inscribirse», indicou a edil. «É un formulario sinxelo que recolle información do local coma o nome, o logo, a situación na cidade, a carta, o tipo de cociña, os horarios e mesmo as linguas nas que poden atender aos comensais ou até a posibilidade de ofrecer menús veganos, sen gluten, etcétera, así como cadansúa carta electrónica».

Unha vez o Concello teña os datos dos locais, estes irán volcándose na páxina oficial da Gran Final das Series Mundiais, ao tempo que se crean e se distribúen folletos de publicidade co código QR da nomeada web para facilitar o acceso a todos os visitantes chegados de todo o mundo. Estes folletos estarán dispoñíbeis nos hoteis e albergues da cidade e nas instalacións deportivas.

A inscrición estará aberta até o 31 de agosto. «Este é un evento realmente importante para Pontevedra, un evento que xerará un retorno económico importantísimo e queremos que quede o maior número de recursos na cidade», finalizou Gulías. 

Accede aquí ao formulario de inscrición para incluir o teu local.

Comparte esta nova