O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo hoxe acompañado da lenda desta disciplina deportiva, Javier Gómez Noya, co fin de analizar e comentar polo miúdo os trazados das probas que se celebrarán ao longo dos vindeiros días.
«Desde hai anos que temos en Pontevedra unha relación especial co tríatlon e cos triatletas, e exemplos coma Pablo Dapena ou Javi Gómez Noya son claros», explicou o rexedor. «Javi é un coñecedor experto dos circuítos que están xa trazados, por iso creo que a súa opinión hoxe era máis que interesante». O triatleta sinalou que abonda con botar unha ollada ao pasado para comprobar que «ter a Gran Final das Series Mundiais en Pontevedra é un feito histórico», en comparación con cidades que foron escollidas como sede anos atrás (Londres, Pekín, Budapest…).
Gómez Noya destacou a capacidade organizativa de Pontevedra á hora de desenvolver todas as probas que foi acollendo ao longo dos últimos anos, algo que lle outorga unha confianza chave de cara á federación internacional.
No referido aos percorridos, o pentacampión mundial explicou que a natación «é atípica» polas propias características do Lérez e as súas correntes, o que pode propiciar sorpresas á hora de ver quen sae primeiro na auga. «Ademais, é un intre moi atractivo para o público, xa que a proba pode ser seguida desde a Ponte dos Tirantes, a pasarela peonil ou desde as marxes do río; o que permite identificar de xeito moi doado a todos os atletas».
No trazado ciclista, o histórico triatleta sinalou que «no referido ao nivel orográfico non ten demasiada dificultade», pero que o ritmo e o nivel da competición, «onde hai postos olímpicos en xogo», será moi alto. Doutra banda, a carreira a pé «é espectacular». «As rúas, o ambiente… Este tipo de trazado tráeme algúns dos mellores recordos que teño como deportista. Correr por Pontevedra é unha experiencia única».
Noya destacou os xiros, as subidas do circuíto e as posibilidades que ofrece á hora de atacar e darlle Marxe aos atletas de por en marcha as súas estratexias.
Un concerto especial De xeito paralelo a todo o espectáculo deportivo, Javier Gómez Noya tamén ten preparada unha noite un tanto especial na Sala Karma o vindeiro sábado 23 de setembro. O triatleta subira xunto con varios compañeiros (dous tamén exdeportistas, Diego Paz e Roberto Barral) ao escenario pontevedrés a ofrecer un concerto coa súa banda, Liorta.
O alcalde falou deste intre coma «un test» para ver «se funciona» e no ano 2025 xa poder subirse ao escenario ao aire libre, entre sorrisos e brincadeiras co pentacampión. Liorta fan versións de distintas épocas e bandas, principalmente de rock como Herdeiros da Crus, The Hives ou The Offspring.