O alcalde rematou moi satisfeito esta nova experiencia internacional de Pontevedra, que deu no tríatlon coa horma do seu zapato. Un deporte que casa tan de perto co modelo de cidade e coa utilización do espazo público para espectáculos deportivos celebrou aquí o seu cumio mundial con éxito sobresaínte.
A cantidade de xente na rúa sigue a ser a principal fortaleza da cidade, que celebrará en 2025 a final mundial dos campionatos reunidos no Multisport (tríatlons sprint, longa distancia e cross, dúatlon, aquatlon, etc). Agora, no remate das competicións co animado reparto das medallas aos Grupos de Idade e o concerto final do gaiteiro Carlos Núñez, Pontevedra pasou a responsabilidade de organizar unha cita parecida á cidade andaluza de Málaga, onde o ano próximo rematarán as World Series.
Miguel Anxo Fernández Lores, que ademáis de alcalde é presidente do Comité Organizador deste mundial, resaltou o éxito absoluto de participación: “Pontevedra estivo á altura, ou atrévome a dicir máis que á altura, do que se esperaba neste evento deportivo, que quedará gravado na historia da cidade”.
Agradeceu en primeiro lugar á cidadanía de Pontevedra por emborcarse nas competicións, “pero tamén ás persoas voluntarias e o resto das que o fixeron posible, como funcionarios municipais, persoal de deportes, colaboradores e empresas, que son os artífices de que todo saíse moi ben”.
Convidou tamén a todas e todos os triatletas que competiron aquí a “que volvan como deportistas ou visitantes, porque Pontevedra seguirá postulándose para acoller eventos internacionais de tríatlon no futuro”.
«Creo que todos estamos de acordo en que vimos de realizar unha Gran Final das Series Mundiais que foi un éxito absoluto. Foi un evento deportivo espectacular e un evento a nivel cidade que quedará para a historia da mesma», explicou o rexedor.
«Estou namorado da veciñanza de Pontevedra, unha veciñanza que colabora activamente en moitísimas cousas. Cando nos poñemos con algo, somos quen de sacar cousas que hai algún tempo resultarían impensábeis». Fernández Lores indicou que a Gran Final foi «a constatación desa comuñón que existe entre Pontevedra e o tríatlon», lembrando que desde o 2008, a cidade apostou por esta disciplina deportiva, derivando nunha relación simbiótica que trouxo milleiros de visitantes e intres de enorme valor para o municipio pontevedrés.
«Esta última cita abre máis camiño aínda, abre camiño a seguir facendo cousas no futuro, como é o campionato de clubs que teremos o ano que vén e que achegará a 1.500 participantes até a Boa Vila, ou o Mundial Multisport no 2025, no que daremos un salto de calidade, subiremos de novo o listón».
O alcalde destacou o número de xente nas rúas, nas beiras do Lérez e, en xeral, en todos os puntos da proba e o seu circuíto a pé. Todo isto non só nas probas de elite, senón no resto de propostas competitivas, como os grupos de idade ou as probas de paratríatlon.
«A xente de Pontevedra ten unha pasta especial que fai que eventos, como a Gran Final, sexan diferentes», comentou. «Teño que darlle os meus parabéns e as grazas a toda Pontevedra. Por suposto, tamén, a todos os traballadores municipais, funcionarios, corpos de seguridade, Protección Civil, voluntarios, empresas colaboradoras, patrocinadores e administracións.
Estivemos á altura, estivemos máis que á altura. Ofrecemos unha imaxe impresionante de Pontevedra», sinalou. «Todos os deportistas se sentiron acollidos e estiveron a gusto na cidade. Todo isto abre portas a futuras probas e seguiremos traballando nese sentido. Seguiremos traendo grandes competicións. Esa posibilidade está aberta por todas as partes implicadas».
«Moita xente me deu os parabéns estes días na rúa, e eu dáballos de volta, de xeito recíproco. Se a cidade non se volcase nun eventos destas características non sería o éxito absoluto que foi. Estou encantado desa participación activa, dese sentir», destacou Lores. «Pontevedra está namorada do tríatlon e o tríatlon está namorado de Pontevedra. A cidade sae á rúa. Acolle de xeito espectacular a todos os triatletas. Desexan volver no futuro e estaremos agardado por eles e por elas».