Ravachol patrullará estes días as rúas da cidade e os principais eventos da Gran Final para que as persoas poidan retratarse coa mascota que protagoniza a maior parte dos elementos de comunicación do campionato.
A caracterización do papagaio correu a cargo de Pablo Méndez Performances, que ideou un colorista loro triatleta, vestido de gala informal e cheo de plumas de cores, un personaxe atractivo visualmente e que enche de movemento a ilustración que David Campos realizou para a campaña, xa en 2019 con ocasión da celebración na cidade do mundial de Multisport.
O Ravachol humano fixo xa a súa aparición durante as primeiras horas do evento na apertura da Expo, pola que pasaron xa centos de persoas e pola que hoxe comezarán a desfilar todos os atletas que teñen que retirar o material para participar na carreira.