WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Familia con cubo

Todo en marcha para a Gran Final: Pontevedra xa vive intensamente o evento

Reúnese no Concello o comité organizador do Campionato Mundial

A cidade está preparada para unha afluencia masiva e para organizar a mellor Gran Final das Series Mundiais de tríatlon que se tiña celebrado nunca. Así de rotundo foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores durante a rolda de prensa celebrada tras a reunión do Comité Executivo no Concello. Palabras que foron referendadas polo representante da Fetri, Jorge García, que supervisou os preparativos do evento co resto dos responsables da organización. 

A reunión foi presidida polo alcalde e o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo. Asistiron tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos, entre outras persoas.

Durante a reunión repasáronse as achegas económicas que cada entidade está a realizar, os patrocinios acordados con distintas empresas, así como algúns outros aspectos loxísticos e organizativos que se están desenvolvendo nun evento que alcanza un investimento de aproximadamente 2,8 millóns de euros. A proxección xeográfica abarca, só en pernoitas, todo o suroeste de Galicia, aínda que xa existen algúns equipos que están a adestrar por exemplo na cidade de Lugo, a máis de 100 km de distancia de Pontevedra.

Algunha outra cifra do evento ten relación co investimento previsto para a retransmisión en directo, cifrada nuns 300.000 euros e da que se fai cargo Televisión Española, que desprazará á cidade un equipo técnico dunhas 60 persoas para acometer esta misión. 


Algúns estudos prognostican que o evento xerará uns 10 millóns de impactos mediáticos en todos o mundo grazas a un evento no que participarán deportistas de polo menos 57 países e no que chegarán os mellores triatletas do mundo, algúns dos que tratarán de obter a súa praza para os xogos olímpicos de París.


Mentres o alcalde eloxiaba o bo ambiente de traballo que existe nos equipos organizativos, o representante da Xunta falou do magnífico entendemento institucional creado entre as tres principais entidades públicas participantes, que logran poñer en valor a imaxe de Galicia por enriba de calquera outra cousa.


O presidente de Fegatri falou do reto sen precedentes que supón a organización deste evento para o deporte galego e Jorge García, de Fetri, dixo que a sede é a ideal para acoller un campionato deste tipo, “a primeira vez que se realiza en España, e o evento deportivo máis importante do país en todo este ano”. García considerou que isto non era un simple evento deportivo, senón un macroevento que coma sempre xerará en Pontevedra situacións únicas e diferentes, e iso sábeno os deportistas e é un enorme estímulo para acudir aquí”.

Roda Cte executivo
Comparte esta nova