Un gran esforzo loxístico foi necesario para converter amplos espazos de Pontevedra no mellor escenario para o tríatlón. Non merecía menos a Gran final das Series Mundiais deste deporte que tras visitar Abu Dhabi, Yokohama, Cagliari, Montreal, Hamburgo e Sunderland chegan ás Rías Baixas con toda a súa cor.
O azul eléctrico que inunda a iconografía de World Triathlon enche tamén as rúas e sobre todo as pistas das carreiras, especialmente os centros neurálxicos do CGTD e o pontón do río, case paralelo á ponte dos Tirantes. Un pontón que ademáis dunha lona protectora traseira soporta tamén numerosas bandeirolas tipo bágoa, chamadas “ás de mosca” tamén con marcas impresas.
A balaustrada desta ponte quedou adornada con 50 elementos de policarbonato forrados con vinilo azul que acollen 4 veces a palabra Pontevedra e varias veces algún dos 10 logotipos de patrocinadores ou colaboradores (Zara Atleticz, NTT, Acsis, Halcón Viajes, 226ers, Cabreiroá, Cocacola, Froiz, Marca e Radio Marca), os 5 das institucións públicas (Concellos de Pontevedra e Sanxenxo, Deputación e Xunta) e os 4 dos organismos deportivos (World Triathlon, Consello Superior de Deportes, Fetri e Fegatri). Tamén ten un lugar destacado a imaxe da emisora televisiva de WT, TriathlonLive, que transmite en directo todas as probas.
As mesmas imaxes corporativas enchen os máis de 3,5 km de lonas publictarias instaladas tanto no estadio do CGTD coma noutros espazos urbanos polos que pasarán algunha das seccións das carreiras. Ademáis destas vallas, utilizáronse uns 16 km de fita plástica de sinalización para protexer ás persoas participantes de posibles invasións do público nos circuitos.
Coidouse especialmente a repetición e ubicación da palabra “Pontevedra”. Máis aló da exhibición dos logos corporativos, o nome da cidade é o símbolo que mellor visibiliza e posiciona a nosa marca alá onde as imaxes poidan chegar.
Todo o despregue compleméntase con carpas, verxados de obra, moquetas e outros elementos que os departamentos loxísticos e de montaxe da Fetri levan meses traballando con mimo para que todo ofereza un aspecto impecable.