WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Ravachol

A divertida vida e sentida morte de Ravachol, o papagaio que nos chama

Orixe, universalidade, festa, diversión e emoción resúmense na figura que adoitou como símbolo a sede local da Gran Final

Por que unha cidade galega ten un animal tan exótico —un papagaio— como icono festivo e urbano? Por que os grandes campionatos de tríatlon que se celebran aquí adoptaron ese animal como mascota? Todo ten unha explicación histórica relacionada coa cultura decimonónica da cidade.

Esta é a simpática historia de Ravachol, o símbolo tradicional do entroido pontevedrés e agora tamén dos eventos máis especiais do tríatlon.

Calquera mañá de finais do século XIX alguén que paseaba pola rúa Michelena podía ser increpado por unha voz aguda e pouco matizada. Era Ravachol, que alborotaba toda a contorna cos seus berros. Se alguén de mal aspecto entraba na botica na que el moraba, espetáballe sen contemplacións “Aquí non se fía”. Se entraba un cura, o loro imitaba a un corvo; se alguén intentaba enganalo ofrecéndolle un caramelo de mentira, dicíalle “vaite de ahí, lambón” e se ninguén atendía a un cliente, Ravachol avisaba: “Xente na tenda”.

Os devanceiros do papagaio hai que buscalos nunha partida de aves exóticas que trouxo un barco desde América en 1709. Tras afundir na ría de Vigo en plena Batalla de Rande, varias aves quedaron liberadas e aniñaron por toda a zona. Un profesor de música é quen lle trae o loro como presente a don Perfecto Feijóo, un boticario establecido mesmo diante da Peregrina, onde agora se atopa o monumento ao animal.

Símbolo dunha época ilustrada

Feijóo era unha das persoas máis cultas e distinguidas da cidade entre os séculos XIX e XX, en pleno rexurdimento da cultura galega. Ademáis de farmacéutico era gaiteiro, e púxose á frente do primeiro coro de música folclórica de Galicia, en 1880, unha experiencia pioneira en Europa de recuperación da música popular. O coro chamábase Aires da Terra. A súa carismática personalidade cautivaba a atención da sociedade máis ilustrada e avanzada da época, que celebraba na botica animadas tertulias. O loro tamén era protagonista.

A adopción do papagaio obrigou a poñerlle un nome. Por que Ravachol? Así se chamaba un destacado anarquista francés da época, François Claudius Koënigstein, famoso en todo o mundo polos atentados que perpetraba con dinamita, polo que foi axusticiado e pasado pola guillotina en 1892, acontecemento que lle deu fama mundial. Como o loro era un alborotador de primeira, merecía un nome así.

En xaneiro de 1913, hai exactamente 110 anos, morre Ravachol. Segundo todos os indicios, empachado por unha enchente de bizcoitos empapados en viño. Nun ambiente de profunda tristeza urbana, o cadavre é embalsamado e exposto na botica, que axiña queda pequena para tantas persoas que deciden honralo. O suceso provoca a chegada de telegramas de pesar desde toda España.

Un enterro con honras oficiais

Como a botica quedaba pequena, trasládase o corpo sen vida de Ravachol ao Circo de Artesáns, onde recibe a visita de autoridades civís e militares, que lle rinden reverencia. Fíxase o enterro oficial para o 5 de febreiro, mércores de cinza. Celébrase encabezado por doce cabalos con xinetes, bandas de música, comparsas seguidas dunha multitude de persoas ataviadas de negro e portando fachos fúnebres, tal como pediran as autoridades locais. Unha velada infausta que rematou co enterro do papagaio na casa de campo de don Perfecto Feijóo en Mourente, moi preto da cidade. Remataban así 20 anos de Ravachol no centro da vida social pontevedresa.

Tras a dictadura franquista e coa restauración do entroido, Ravachol pasou a presidir as festas pontevedresas de inverno, que se prolongan durante 10 días e están cheas de divertidos eventos populares como concursos de murgas e parodias, desfiles de carrozas e unha festa dedicada a outro senlleiro persoeiro local: o Pirata Benito Soto, un pontevedrés que se dedicaba, cen anos antes de que morrese Ravachol, a asaltar barcos no Atlántico e asesinar ás súas tripulacións para quedar cos seus ricos botíns.

Rei do entroido… e do tri

Cando a equipa creativa encargada da identidade e a difusión dos valores do tríatlon de cara á celebración do pasado campionato do mundo Multisport 2019 botouse man desta bonita historia para materializar un símbolo que sumara os conceptos de deporte, axilidade, velocidade, beleza, cos de orixe, universalidade, festa, diversión e emoción. Naceu así a mascota da man do artista local David Campos, un debuxante que soubo resumir coas formas propias da banda deseñada unha persoaxe atractiva e vitalista, chea de acción e valentía, como o noso deporte rei.

O Ravachol colorista e divertido, activo e ousado, toma forma medio humana ademáis grazas á creación de Pablo Méndez para servir de photocall vivinte e provocar os selfies da concorrencia durante as xornadas de competición.

Un xeito de rendir homenaxe á memoria urbana pontevedresa, recollendo este fermoso legado da súa tradición e adoitándoo coma rei da competición.

Loro Triatleta
Comparte esta nova