Tras o izado de bandeira do pasado venres na praza do concello a ritmo das Tanxugueiras, este martes, 7 de marzo ás 12:00, ábrense as inscricións dos Grupos de Idade para a Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra, un evento que pasará á historia do deporte español xa que, por primeira vez, a cita máis importante do tríatlon mundial se celebra no noso país.
O prezo das inscricións como no caso do Mundial Multideporte de Eivissa e do Campionato de Europa de Madrid está subvencionado cun desconto de ata o 50% pola Fetri (desconto automático xa incluído no formulario de inscrición).
Pontevedra terá a honra de recibir aos mellores triatletas do mundo chegados desde todos os puntos do planeta, converténdose así no epicentro mundial do tríatlon, durante os días da competición, do 20 ao 24 de setembro de 2023.
«Pontevedra demostrou en múltiples ocasións que o ten todo para acoller probas de tríatlon de primeiro nivel. Estamos encantados de volver aquí para a Final das Series Mundiais. Esta cidade soubo ser unha fantástica anfitrioa de múltiples citas no calendario de World Triathlon, e estou segura de que estará máis que preparada para dar a benvida aos mellores triatletas do mundo», dixo a presidenta de World Triathlon e membro do COI, Marisol Casado.
A Final da Series Mundiais é a xoia da coroa do calendario anual do tríatlon mundial e Pontevedra recolle a testemuña este ano de Abu Dabi que albergou a Gran Final en 2022. Na cidade galega, coroaranse os Campións do Mundo de tríatlon Elite, Sub23 e Paratriatlón, así como os campións mundiais de distancia Olímpica, Super Sprint e Aquabike por Grupos de Idade.
Aquí podes obter máis pistas sobre a inscrición nas carreiras.