“É emocionante ver como pouco a pouco vai medrando toda a instalación do campionato na cidade… erízanseche os pelos do corpo ao ver que imos celebrar aquí unha gran final”. Son palabras de Pablo Dapena, o triatleta pontevedrés que compareceu co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en rolda de prensa este martes, 19 de setembro.
Facíao ás portas do comezo da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que a cidade está por celebrar ao longo desta semana, configurándose como un fito histórico para a Boa Vila e a súa veciñanza.
«Sen dúbida, Pablo Dapena é unha das persoas tamén responsábel de que Pontevedra estea a celebrar esta competición deportiva», sinalou o alcalde. «Vén de competir en Bélxica e queriamos compartir con el este inicio. Pontevedra é a capital do mundo de tríatlon grazas a que temos referentes locais que fan que os cidadáns se volquen nas competicións que acollemos».
O rexedor lembrou que o modelo urbano de Pontevedra facilita o desenvolvemento destas probas internacionais, ao tempo que conta con espazos idóneos para a práctica do tríatlon. «A ninguén se lle escapa o retorno económico que trouxo o tríatlon a esta cidade ao longo dos últimos anos. Estamos sentando as bases para o futuro, sementamos choiva miúda que fai que Pontevedra sexa coñecida en todo o mundo. Pontevedra vai seguir celebrando probas, e aí temos xa o Multisport no 2025».
Ao respecto da competición internacional, o triatleta explicou que «isto é o máximo que unha persoa pode ver no tríatlon». «E incríbel. Non se ve todos os días algo así. Eu, como triatleta profesional, é algo tremendo», indicou.