Logo Oficial Pontevedra WTCF NEG

WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Volunt

Éxito da campaña de voluntariado

Superouse o reto mínimo de participantes, aínda que continúa aberta a posibilidade de colaborar

Acadouse xa a cifra de 270 persoas apuntadas como voluntarias para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrarán en Pontevedra do 20 ao 24 de setembro. Superáronse así as participacións mínimas necesarias para garantir o normal desenvolvemento do evento.

A organización deportiva da proba calculou en 544 colaboracións puntuais as necesidades a cubrir polo voluntariado durante todo o evento, co que de prestar cada persoa voluntaria 2 desas colaboracións (a maioría están dispostas a prestar 4 ou 5 servizos) a organización tería amplamente garantida a súa cobertura.

Aínda que a campaña está realizándose sobre todo na cidade de Pontevedra, de onde proceden a inmensa maioría das persoas, hai solicitudes doutros lugares de Galicia, do estado español e do resto do mundo, como tres persoas de Xapón que queren facer seu o eslogan de campaña, “Préstalles as túas mans”.

O dispositivo de voluntariado organízase desde a Oficina de Voluntariado da cidade, Ofivol, entidade que colabora cos grandes acontecementos deportivos e que ten demostrada a súa capacidade de cooperar nun grande operativo para dar servizo aos milleiros de persoas, especialmente deportistas, que precisarán da súa axuda nos distintos apartados do evento. O seu banco de datos, con 800 persoas, é un arma fundamental para estimular estas colaboracións voluntarias e desinteresadas.

Para organizar o seu traballo sobre o terreo, a plataforma do voluntariado conta cunha estrutura operativa dunhas 20 persoas en labores de coordenación e responsabilidade, que xestionan o traballo nas distintas especialidades (loxística, protocolo, apoio a deportistas, secretaría, etc).

A medida que vai achegándose a data aínda irán incorporándose máis persoas, tal como aconteceu noutras ocasións. Ademáis da xente que se apunta individualmente, hai voluntariado que procede de organismos públicos da Defensa, como a Escola Naval Militar ou a Brilat, do centro penitenciario de A Lama ou das entidades sociais da capital Xuntos e Xoán XXIII. Agárdase que a principios de setembro poida contarse con persoas vencelladas á Escola Oficial de Idiomas, xa que especialmente o alumnado dos cursos máis avanzados, pode ser especialmente útil nun campionato internacional.

Aínda que se se desbordan as peticións terán que poñer punto final ás solicitudes, Ofivol mantén abertas as inscricións por se fose necesario contar con máis persoas das inicialmente previstas.

Esta formidable resposta da cidadanía e as estruturas urbanas de colaboración e axuda, fala de novo da enorme potencia da cidade á hora de afrontar retos organizativos tan relevantes como a máxima celebración do tríatlon mundial.

Comparte esta nova