Comeza oficialmente a conta atrás para a cita máis agardada do ano no mundo do tríatlon, e sen dúbida, unha dos acontecementos máis importantes do deporte mundial, a Gran Final das Series Mundiais que, por primeira vez, celebraranse en España, concretamente en Pontevedra.
A cidade celebrou ao grande nunha ateigada praza do Concello que só restan 200 días para ver polas súas rúas aos mellores triatletas do mundo converténdoa de novo no epicentro do tríatlon Mundial.
“Pontevedra volverá ser un referente, volverá escribir un novo capítulo da súa historia como primeira cidade do país en albergar a Gran Final da Series Mundiais de Tríatlon, un evento que pode traer a máis de 10.000 persoas”, dixo Miguel Anxo Fernandez Lores, alcalde de Pontevedra.
“Ademais o alcalde recalcou que “hoxe imos izar unha bandeira coa que hai 10 anos non soñariamos facelo, pero puidemos avanzando como cidade, puidemos ser un referente, algo que nos abre portas cara ao mundo. Esta proba é unha recompensa que fixo posible o traballo conxunto, o traballo entre institucións, técnicos deportivos, traballadores do día a día, organismos municipais…”
Ao acto, ao que asistiron todas as institucións políticas, tamén contou coa presenza de deportistas como Pablo Dapena ou a actual campioa do mundo de paratriatlón e medallista nos JJOO de Tokio Susana Rodríguez, que se mostrou encantada coa noticia de que Pontevedra albergue este gran evento: “faime moita ilusión que teñamos por primeira vez en España esta gran Final das Series Mundiais e como galega aínda máis que sexa en Pontevedra. Parecía imposible pensar que teriamos por aquí aos mellores triatletas do mundo, pero agora xa é unha realidade e estou a desexar que chegue xa a data”.
O fin de festa pechouse co concerto das Tanxugueiras que fixo as delicias de todos os presentes na praza do concello onde xa existe unha bandeira que dá testemuña da festa deportiva de setembro.
A Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra (que abrirá inscricións para os Grupos de Idade o vindeiro martes 7 de Marzo) será o colofón a un 2023 histórico para o tríatlon español xa que se celebran tamén o Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte Eivissa 2023 do 29 de abril ao 7 de maio e o Campionato de Europa de Tríatlon de Madrid do 2 ao 4 de xuño.