WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Captura de pantalla 2023 09 21 a las 17.25.59

Gal-festa! música para acompañar o deporte

A celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon contará non só cun programa deportivo de altísimo nivel ao longo das probas dos grupos de idade, sub-23 e elite; senón que tamén amosará un programa paralelo de ocio e cultura do que gozarán visitantes e veciñanza.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, revelou esta mañá de martes, 12 de setembro, as actividades que se irán desenvolvendo na cidade durante a celebración das distintas probas deportivas que transformarán Pontevedra na capital mundial do tríatlon. 

Así, será instalado un gran escenario na zona da Praza do Concello, diante do monumento aos heroes de Ponte Sampaio, ao igual que estivo no Multisport do 2019. Neste espazo serán desenvolvidas diversas actividades festivas, ademais da entrega de medallas dos grupos de idade.

Será neste mesmo escenario onde se realice a inauguración principal do evento, o xoves 21 de setembro, ás 19.30 horas coa actuación de Pablo Méndez Performance e o seu espectáculo Atempo; para logo continuar coa agrupación folclórica Celme. Previamente, ás 19 horas, comezará o desfile inaugural onde Os de Algures acompañarán as comitivas dos países participantes desde a praza da Ferraría até a praza do Concello

Ademais, o venres actuará Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre xunto con outras agrupacións folclóricas da cidade; o sábado Pontevedra poderá ver ao vivo a De Vacas e, finalmente, o domingo, poderá gozar coa música de Carlos Núñez, lendario gaiteiro galego.

Doutra banda, cómpre sinalar que en Montero Ríos será instalada unha carpa de grandes dimensións que acollerá unha feira onde estarán representados os diversos patrocinadores, puntos de información e puntos de venda para marcas deportivas e especializadas en tríatlon.

Están previstas tamén unha serie de visitas guiadas en inglés pola cidade, alén das habituais en castelán, os días 19, 20, 21, 22, 23 e 25 de setembro. Precisará de inscrición previa, en horario de 10.00 horas e 16.30 horas —agás os días 23 e 25 que só se realizará a sesión de mañá—. Terán un prezo de 7 euros (5 con tarifa reducida).

cea oficial do evento realizarase o mércores, 20 de setembro, a través do comité organizador, para todas as autoridades e federacións internacionais. Será no Liceo Casino do casco histórico, e está prevista unha participación de 300 persoas. Nesta cea oficial tamén se introducirá ao triatleta Iván Raña no Hall of Fame da World Triathlon

Tal e como indicou o alcalde, este mesmo domingo xa partirá desde a igrexa da Peregrina o primeiro roteiro polo Camiño de Santiago desde Pontevedra, actividade que terá continuidade o luns e o martes. «Vai participar a executiva da World Triathlon», explicou o rexedor. 

Lores definiu esta programación como «unha programación variada e distinta ao que puidemos ver noutros eventos desta clase polo mundo», que propiciará a participación cidadá e que lle dá «un colorido especial e fai que Pontevedra sexa un referente na organización destas citas deportivas».

Comparte esta nova