Milleiros de persoas. Un número difícil de calcular, pero en calquera caso as probas de elite máis multitudinarias das que se levan celebrado na cidade e á altura das grandes finais máis relevantes. Pontevedra e o tríatlon reafirman a súa historia de amor con esta locura de campionato do mundo.
Todas as partes do circuíto tanto nas beiras do río como no centro histórico e mesmo nalgúns treitos da avenida de Compostela, sobre todo nos treitos máis próximos ao centro urbano, lucían un clima de absoluto calor humano, admirando e aplaudindo aos atletas en cada unha das seccións tanto o sábado coa carreira masculina como o domingo coa feminina.
As beiras do Lérez eran as bancadas dun estadio para ver a natación nas súas duas marxes, así coma na Ponte dos Tirantes e na pasarela peonil da illa, ateigadas de público que gozaban dos case 30 graos de temperatura, onde puideron contemplar a saída e volta á auga, un dos momentos máis interesantes desta fase.
A transición entre a auga e a bici foi contemplada por centos de persoas na avenida de Bos Aires, centro neurálxico desta primeira parte da carreira. Tirantes tamén chea de xente. A zona do Pavillón de Deportes e ponte do Burgo presentaban un nivel de xente medio, que se recuperaba tras achegarse ás Correntes e regresar pola Avenida de Bos Aires. As partes do circuíto, canto máis se achegaba ao mercado e Tirantes, máis concentración de persoas presentaba, un público sempre animoso e entregado.
O interior do CGTD, por onde tamén decorría a bici, presentaba as súas duas gradas cheas de animación, que gozaban da carreira tanto en directo como desde as pantallas instaladas na pista e puideron gozar en directo da segunda transición.
O Centro Histórico foi un enorme espectáculo de entrega e apoio a corredoras e corredores. A subida á Ferraría e a propia praza, Peregrina, Michelena, Curros, Don Gonzalo, Méndez Núñez, Serra, e máis adiante Bos Aires e xa os arredores do estadio sen un centímetro sen aplausos.
A resposta do público coa festa do tríatlon mundial foi rotunda aínda sen existir unha referencia local con posibilidades de trunfo. A entrega na carreira do Multisport de 2019 con Javi Gómez Noya e Pablo Dapena estaba aínda na retina dos organizadores. Coa ausencia local nos postos de saída, o resultado foi igual ou incluso mellor, o que prognostica un Multisport de 2025 tamén apoteósico porque a cidade está plenamente identificada con este tipo de espectáculos.
As reaccións dos protagonistas recollidas pola prensa local non deixan lugar a dúbidas. Gómez Noya declaraba que polo pouco que puido falar cos atletas, nunca viran un apoio tan abraiante do público. O titular do Faro de Vigo tamén resume ben o momento: “Os pontevedreses, os grandes campións do mundial”.











