WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

gutierrez

O coche compartido, unha opción máis para chegar á cidade peonil

A cidade tómase como referente internacional da mobilidade natural

En opinión de moitas das persoas participantes en competicións anteriores un dos puntos máis valorados desta sede de tríatlon é a facilidade de movementos e a proximidade dos servizos e puntos de interese do campionato, que permiten unha mobilidade natural, a pé ou en bicicleta.

A este dato, clásico na cidade, únese agora o acordo para fomentar o uso do coche compartido coa empresa Blablacar para desprazamentos de maior distancia. A sustentabilidade do campionato e o máximo respecto ao medio forman parte do ADN de Pontevedra, cidade premiada mundialmente pola súa aposta por un espazo público resiliente e humanizado.

A aposta de Pontevedra pola mobilidade sostible ten merecido premios como o ONU Hábitat, entregado en Dubai; o Intermodes da UE pola súa implicación na mobilidade peonil; o do Center for Active Design de New York ou o de seguridade viaria da Comisión Europea, ademais doutros en Hong Kong, Shenzen, Portugal, Córdoba, Seúl ou Madrid.

Para máis información sobre o modelo de espazo público pontevedrés poden consultar esta publicación (en galego, español e inglés).

Mellor a pé

En consecuencia con este modelo peonil, recoméndase que toda a mobilidade urbana se realice a pé ou en bicicleta durante o campionato, evitando ao máximo o uso de vehículos motorizados, que deben reducirse ao imprescindible.

No Plano de Puntos de Interese especifícanse algúns espazos de aparcamento de coches nas inmediacións das áreas deportivas. Trátase de aparcadoiros de cortesía para persoas ou organizacións ás que por razóns loxísticas ou físicas resúltalles necesario desprazarse en coche, especialmente pensado para persoas con problemas de mobilidade. Para acceder a esas prazas é necesario dispoñer de autorización da organización.

Tamén se prevén espazos específicos para autocaravanas —estas si que poden acceder sen autorización, en función do espazo dispoñible— para persoas que poidan utilizar ese medio que combina desprazamento e residencia.

Coche compartido

O servizo de coche compartido que a organización ofrece ás persoas participantes na proba é unha aplicación a través da súa páxina web en colaboración con BlaBlaCar, para facilitar o transporte compartido nos seus desprazamentos, antes, durante e despois dos días de competición.

A plataforma de viaxes compartidas, de ámbito internacional, permite actualmente a máis de 100 millóns de persoas compartir viaxe nos 22 países nos que está presente, conectando a quen busca viaxes compartidas, aumentando a posibilidade de que estes sexan máis alcanzables, sociables, cómodos e respectuosos co medio. Estímase que esta rede de mobilidade, que facilita ao redor de 120 millóns de conexións ao ano, consegue reducir desta forma emisións superiores ao millón e medio de toneladas de CO2 á atmosfera.

Comparte esta nova