WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Acentos tri

Tres idiomas, tres xeitos de escribir ‘tríatlon’

Tríatlon, triatlón, triathlon: dous acentos e una h simbolizan a diversidade lingüística da Gran Final

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon celébrase nun territorio cun idioma propio, o galego, onde é tamén oficial a lingua castelá ou española. Ao tratarse dunha proba internacional, estes dous idiomas compleméntanse co inglés. Trátase, por tanto, dunha proba trilingüe, o que simboliza a diversidade cultural e o respecto ao territorio que acolle o evento.

Tríatlon (galego), triatlón (español) e triathlon (inglés) son tres palabras chave neste deporte. Cada unha delas escríbese de forma parecida, pero diferente. Se en galego acentúase na i, en español na o, e en inglés non leva acento, pero incorpora unha h para formar o fonema th, tan característico dese idioma.

Esta palabra nas tres linguas oficiais do campionato resume a filosofía integradora e multicultural, que se verá amplificada os días da competición coa multitude de idiomas e acentos que confluirán na cidade. Se o galego predomina na comunicación local, o español caracteriza sobre todo as mensaxes que saen da Federación Española de Tríatlon e en inglés promóvense mensaxes máis globais, dirixidos sobre todo a deportistas e persoas que lles acompañan.

Fálase pouco inglés

O castelán é, xunto ao galego, de uso común en Pontevedra. A súa importancia global como idioma internacional explica que moitas persoas residentes en España non utilicen o idioma inglés, algo que pode resultar estraño para quen procede doutros países. Isto ocorre especialmente nos territorios menos presionados polo turismo, como é Galicia ou en xeral todo o norte e o centro peninsular agás nas cidades máis turísticas.

O galego, idioma propio de Galiza

O idioma galego é unha variante do latín que comparte moita vida co portugués, país ao que Galiza (nacionalidade histórica á que pertence Pontevedra) está moi ligada por vencellos históricos, sociais e humanos. Desde o século XV, que quedou anexionada ao Reino de España, ambos os idiomas foron distanciándose e agora considéranse dous idiomas distintos, pero cun tronco lingüístico común.

Durante a Idade Media o galego foi un dos grandes idiomas de Europa, o que testemuña o importante legado literario desa época.

Cando Castela ou España empezaron a administrar o antigo reino de Galiza, utilizaban só o castelán na Administración, a Xustiza e a Igrexa, mentres o pobo falaba galego. Durante o século XIX esa realidade empezou a cambiar grazas aos movementos intelectuais que empezaron a loitar contra o ninguneo oficial do idioma galego.

Tras un período de gloria no primeiro terzo do século XX, a ditadura franquista prohibiu o uso do galego, que se recuperou legalmente a finais dos anos 70.

Hoxe ten categoría oficial e as persoas que veñen a Galiza poden comprobar que o seu uso é habitual tanto na administración pública como en numerosos servizos de interese para a cidadanía.

Catro idiomas oficiais

En España existen catro idiomas oficiais: o castelán, oficial en todo o territorio; o catalán en Cataluña e, coas súas propias variantes na Comunidade Valenciana e as Illes Balears; o eúscaro no País Vasco e a Comunidade Foral de Navarra e o galego en Galiza.

Castelán, catalán e galego proceden do latín, e o eúscaro é un idioma de orixe descoñecida —disque pode ser o máis antigo de Europa, anterior ao latín— que tamén se utiliza no País Basco Francés.

Estes catro idiomas compleméntanse co portugués, idioma oficial de Portugal, que completa con España a península Ibérica e algúns arquipélagos do Atlántico integrados na Europa extracontinental.

Tamén existen outros idiomas recoñecidos como o bable, en Asturias ou o aragonés, en Aragón, ademais das numerosas variantes dialectales do español.

Comparte esta nova