Logo Oficial Pontevedra WTCF NEG

WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

Good loop

Un eco-evento nunha eco-cidade

A sección de sustentabilidade cuidará de que o campionato non malgaste recursos

A sede pontevedresa da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon acentúa as súas políticas de sustentabilidade. Tanto as medidas estruturais que a cidade foi implantando nas últimas décadas como as cuestións máis loxísticas e organizativas estúdanse ata o extremo para conseguir un evento o máis respectuoso posible co planeta.

A organización conta cunha dirección de sustentabilidade que inspecciona todos os labores organizativos previos, para achegar procedementos, obxectos ou formas de facer que cumpran cos criterios de minorar materiais, reutilizalos ou utilizar os máis respectuosos co medio.

A idea consiste en equilibrar as necesidades das persoas que participan nas probas, o público, empresas provedoras, etc, mantendo o imprescindible e evitando o ostentoso ou insustancial. Tanto deportistas como o resto das persoas notarán as mínimas incomodidades, pero con estes procedementos aplicaranse ou experimentaranse procesos que poden resultar interesantes para lograr no futuro competicións máis austeras no gasto de materiais, minimizando as provisións dun só uso.

A mobilidade encabeza unha serie de 8 puntos que se coidarán especialmente: móvete de forma natural, mellor a pé ou en bicicleta. Recoméndase usar o transporte colectivo (a cidade ten tren e autobús de proximidade no seu ámbito urbano) e se é necesario usar o coche privado ou taxi recoméndase compartilo ao máximo.

Pontevedra é un exemplo internacional de mobilidade sustentable e conta con numerosos recoñecementos ao longo de todo o mundo. Entre eles o premio ONU Hábitat e outros outorgados en Nova York, Bruxelas e Hong-Kong, entre outros. É considerada unha das cidades máis seguras de Europa, aspecto que lle recoñeceu o premio de seguridade viaria da UE.

Menos envases dun só uso

Recoméndase rexeitar envases dun só uso, especialmente se son plásticos. Para iso estase organizando un sistema de substitución ao máximo das botellas de auga. A súa función estaría soportada en vasos que poderán encherse en distintos lugares.

O consumo de proximidade é relativamente sinxelo durante o evento, especialmente no que ten relación coa alimentación perecedoira, pois boa parte da distribución de alimentos faise con redes locais e provense de gran parte dos seus produtos en Galiza. Así mesmo a hostalería, utiliza produtos autóctonos, cuxa calidade é recoñecida en todos os ámbitos.

Reducir residuos é a cuarta recomendación, que se potenciará grazas á instalación de illas de separación para distintos materiais por toda a cidade, con sinalización e mensaxes específicos. Un costume que é habitual en Pontevedra, que ten implantado ademais un sistema de creación de compost a partir de residuos alimentarios con instalacións específicas esparexidas polas zonas menos centrais da cidade, onde o espazo urbano permite este tipo de contedores nos que se produce a transformación biolóxica dos residuos.

Este sistema de compostaxe ten igualmente relación coa sexta dimensión das recomendacións, referida a coidar os recursos finitos do planeta como a auga ou a enerxía, medidas ás que todas as persoas deben comprometerse. Defender a biodiversidade e o coidado do medio natural e urbano conforman a quinta recomendación.

Os dous últimos puntos refírense a realizar unha vida saudable a través do exercicio físico, o non abuso do alcol e o rexeitamento ás drogas e o tabaco como hábitos de vida. Por último, maniféstase a vontade de realizar plantacións de árbores para compensar a pegada de carbono provocada polo gasto enerxético e consumo de combustibles fósiles provocado pola mobilidade do evento.

Tal e como se destaca nunha infografía que resume esta dimensión da proba, “a Gran Final debe ser fiel aos valores da sustentabilidade para conseguir un evento de gran calidade ambiental e co maior respecto ao planeta e ás persoas”. Esta política é parte da liña Good Loop, da Federación Española de Tríatlon, e conéctase coas políticas locais de sustentabilidade a través da expresión “Eco-city, eco-event”

Infografia eco
Comparte esta nova