WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

WhatsApp Image 2023 09 21 at 14.18.20

A Gran Final pasa con folgura os controis sobre sustentabilidade

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de Pontevedra 2023 conseguiu pasar con boa nota os controis de sustentabilidade de World Triahtlon, grazas ás medidas que desde a Organización do Campionato foron impulsándose para garantir un evento sostible e respectuoso co medio ambiente.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores mostrouse moi satisfeito co veredicto World Triathlon, subliñando que a cidade xa é unha contorna de por si moi respectuosa co planeta: ”Estamos moi contentos porque é un recoñecemento ao traballo que vimos facendo desde hai moitos anos nesta área. Pontevedra é unha cidade libre de fumes, cumprimos os 365 días cos criterios de calidade do aire da OMS e imos seguir avanzando sen ningún xénero de dúbidas”.

Tamén quixo valorar a política de sustentabilidade Luis López Diéguez, presidente da Deputación: “a provincia de Pontevedra é unha referencia no coidado do medio ambiente, en mobilidade sostible e na organización de eventos deportivos. Esta certificación supón un novo recoñecemento a este labor e un motivo máis para seguir traballando nesta dirección”.

Tamén apuntou que “o goberno da Deputación non só ten como bandeira a accesibilidade e igualdade en todos os eventos que organiza, tamén presta especial atención á correcta xestión dos residuos e ao fomento dunha mobilidade que dea prioridade aos desprazamentos a pé ou en bicicleta sobre o uso de vehículos de motor co obxectivo de reducir as emisión de gases contaminantes e seguir sendo un modelo de referencia en todos os ámbitos”.

Entre as medidas levadas a cabo pola organización da Gran Final destacan aspectos como a accesibilidade, igualdade, a xestión dos residuos, a promoción do consumo local, o fomento dos desprazamentos sostibles para reducir a pegada de carbono, o seu cálculo e a compensación da mesma a través dunha plantación forestal que se realizará a finais de ano nos montes de Pontevedra.

“En menos de cinco anos, Galicia e Pontevedra acolleron os Mundiais MultisportITU de 2019, a Copa Mundial de Triatón de 2022 e agora, a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. Isto énchenos de orgullo, pero tamén de experiencia e de garantías para poder asumir calquera reto organizativo” declarou o vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, que engadiu que o comportamento sustentable da Gran Final das Series Mundiais é unha nova proba de como Galicia coida o seu deporte, pero, sobre todo, de como coida e respecta a súa contorna e o seu medio ambiente

“As miñas felicitacións ao comité organizador do evento, esta distinción é moi importante no mundo do tríatlon debido a que é un deporte que se practica en plena natureza”, comentou Marisol Casado, Presidenta de World Triahtlon, mentres que para José Hidalgo, Presidente da Federación Española de Trialón “o conseguir este recoñecemento a nivel internacional é para que esteamos moi satisfeitos, porque xa traballamos para que nos eventos nacionais sexan un exemplo de sustentabilidade e non seriamos cribles se este traballo non se trasladase ao gran evento do tríatlon mundial. Este recoñecemento dinos que estamos a ir polo bo camiño”.

Comparte esta nova