WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

IMG 1009

Danza aérea e corazóns felices para abrir o Mundial

A cerimonia inaugural pechou un animado e colorista desfile entre a Ferraría e o Concello

Un gran momento espectacular e emotivo. Así foi a cerimonia inaugural da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon, que botou a andar hoxe en Pontevedra cunha simbólica performance de corte neoclásico do artista local Pablo Méndez.

Centos de deportistas concentrábanse sobre as 6 da tarde na céntrica praza da Ferraría para enfiar Michelena para recibir todo o calor da cidadanía, que lles fixo un longo corredor de homenaxe, aplaudindo sen parar a todas as representacións.

Na cabeza, o grupo de gaiteiros Os de Algures enchían de sons tradicionais o desfile, en compaña da mascota Ravachol e un nutrido grupo de persoas voluntarias en representación dos centos que participarán estes días de carreiras internacionais. As camisetas brancas do voluntariado facíanse notar entre o colorido textil das e dos triatletas que seguían cadansúa bandeira.

Representacións tan nutridas como Canadá, Estados Unidos, México, Alemaña, Colombia, Francia e por suposto España percorreron a Michelena tras a bandeira de Galicia, a primeira en chegar á praza do Concello onde lles ían dando a benchegada en torno á plataforma sobre a que os membros da compañía de Pablo Méndez ían executar o espectáculo principal da noite.

Unha composición en tres actos con referencias neoclásicas como a o dirixible ou as persoas convertidas en obxectos de tecnoloxía musical ultrapasados pero cheos de engado. Danza aérea e terrestre con aros, telas e números pendurados dun enorme guindastre que o mesmo soportaba un globo terráqueo de apariencia medieval que unha coreografía suspendida no aire composta por 8 persoas que danzaban sobre antigas bicicletas e outras estruturas.

Tras o número visual presidido por un enorme “Chegou o día”, os discursos das autoridades dando a benchegada a Pontevedra e animando a celebrar un evento cheo de deportividade e alegría, pecharon o acto. Queda inaugurada a Gran Final das World Series de Tríatlon Pontevedra 2023.

Comparte esta nova