WTCF PONTEVEDRA 2023 Top Triathlon Here. Top Triathlon City.

08764033 0765 4082 83c7 26b1ed05620c

Deportistas a prol dun planeta mellor

Embaixadoras e embaixadores de Pontevedra envórcanse coa estratexia de sustentabilidade da Gran Final

Como parte da súa estratexia de sustentabilidade, e baixo o lema “Eco-cidade, Eco-evento”, a Gran Final conta cun escollido ramalliño de deportistas de elite que exerceron como embaixadores de sustentabilidade do evento, mediante a gravación dunha serie de vídeos difundidos nas redes sociais da Federación Española de Tríatlon.

Nos devanditos vídeos, os embaixadores abordan os seguintes aspectos a ter en conta antes, durante e despois da celebración deste gran acontecemento deportivo.

Teresa Portela: piragüista, dúas veces campioa mundial e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, conta, desde a súa propia experiencia, a maneira de compaxinar con éxito a maternidade e o deporte de alta competición, destacando unha das iniciativas de igualdade, posta en marcha pola organización para este evento, como é a poñer ao dispor das deportistas que así o necesiten, dunha sala de lactación e atención ao bebé.

Gustavo Dacal: ex plusmarquista nacional de lanzamento de xavelina (Pontevedra 2003) e dez veces campión de España da especialidade, analiza a accesibilidade dos percorridos e da propia cidade de Pontevedra destacando as súas magníficas condicións para unha mobilidade inclusiva e avanzada.

Pablo Dapena: campión mundial de tríatlon en longa distancia (Fionia, 2018), é o encargado de abordar a temática relacionada coa mobilidade sostible e conseguir un evento neutro en emisións de carbono. Neste sentido varias foron as apostas da organización do evento como a de poñer ao dispor do público e dos e as triatletas, dunha aplicación a través da web en colaboración con BlaBlaCar, para facilitar o transporte compartido nos seus desprazamentos, antes, durante e despois dos días de competición, o fomento dos desprazamentos urbanos a pé na sede grazas ao Metrominuto de Pontevedra ou a compensación das emisións de CO2 xeradas polos desprazamentos dos deportistas e equipos desde o seu lugar de orixe ata Pontevedra e viceversa, a través dunha gran plantación de especies arbóreas autóctonas.

Javier Gómez Noya: cinco veces campión mundial de tríatlon e medalla de prata nos XXOO de Londres 2012, reflexiona sobre o consumo de auga no evento, un recurso finito, insubstituíble e esencial para a vida. Neste sentido, desde a organización do evento puxéronse en marcha toda unha serie de medidas para facilitar o acceso á mesma garantindo sempre as mellores condicións de salubridade e o fomento do uso de vasos e botellas reutilizables que reducirán considerablemente o emprego de plásticos dun só uso.

Susana Rodríguez: Médica, cinco veces campioa do mundo e medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020 en tríatlon adaptado, refírese na súa intervención á importancia dos bos hábitos relacionados coa alimentación saudable e a súa relación coa práctica deportiva, como a posta en práctica de sinxelas premisas neste sentido axudan a mellorar sen dúbida o rendemento deportivo.

Este plan de accións queda encadrado dentro do movemento Good Loop, unha expresión que reflicte o compromiso coa sustentabilidade da Federación Española de Tríatlon. Con Good Loop, FETRI busca a redución máxima das emisións contaminantes que se xeran durante as competicións de Tríatlon ata lograr as máis altas cotas de sustentabilidade. Este camiño non se detén aquí, debido a que continuará sendo un piar básico para a Federación Española de Tríatlon e para a cidade de Pontevedra onde tamén se disputará o Mundial Multideporte no ano 2025.

Comparte esta nova